Eventos

Camiño ao Gaiás 2016

Volver

07/07/2016 a 08/09/2016

Cidade da Cultura de Galicia - Monte Gaiás Santiago de Compostela (A Coruña)

O percorrido será de 5 km, aproximadamente

Despois de varias edicións desta actividade de verán, nesta ocasión farase unha variación no final e no comezo do percorrido con respecto ao ano pasado co obxectivo de motivar a aqueles composteláns que xa fixeron o programa de Camiño ao Gaiás e que se animen a repetir. Con este programa intentaremos achegar a Cidade da Cultura a toda a sociedade compostelá e a todos aqueles visitantes que durante os meses do verán estean por Santiago. É unha boa ferramenta para fomentar e promocionar o Monte Gaiás e as exposicións, e tamén un estilo de vida saudable a través da actividade física que se realiza no roteiro que se plantexa.

Roteiro comeza diante da Oficina de Turismo de Santiago, na rúa do Vilar. De ahí pásase á rúa Nova e ao chegar á altura da igrexa de Santa María de Salomé, o grupo desviarase ata a rúa da Caldereiría para acadar a facultade de Xeografía e Historia. Collendo a rúa das Ameas chégase ao Mercado de Abastos para logo baixar á rúa da Virxe da Cerca. Súbese despois pola rúa de San Pedro ata chegar á súa igrexa e dende aí báixase ao parque de Belvís. Tras percorrelo, e logo de coller a rúa do Olvido e a de Sar, chégase á colexiata de Santa María. Só resta acadar a rúa de Diego Bernal para entrar no Bosque de Galicia a través do cal acadaremos a Cidade da Cultura.

O percorrido será de 5 km, aproximadamente.

Os inscritos terán a ocasión de facer unha visita guiada á exposición “Con-Fío en Galicia”, no Museo Centro Gaiás. As persoas usuarias de Camiño ao Gaiás regresarán de maneira individual cara Compostela para que dispoñan de tempo para visitar a Cidade da Cultura, descansar, ou tomar algo na Cantina.

Horario

A hora de inicio da actividade será ás 16:45 horas. A hora de chegada prevista á Cidade da Cultura é ás 18:20 horas.

Fin da actividade ás 19:30 h. aproximadamente ao rematar a visita á exposición.

Datas de realización

A actividade terá lugar os seguintes xoves dos meses de xullo, agosto e setembro:

  • Xullo: 7, 14, 21 e 28
  • Agosto: 4, 11, 18, 25
  • Setembro: 1, 8

Inscrición

Pode inscribirse nesta ligazón  calquera persoa que o desexe.  Os/as menores de idade deberán  ir acompañados dun titor/a que igualmente debe inscribirse para a realización da actividade. A actividade non está recomendada para rapaces menores de 10 anos.

A cota máxima de persoas por itinerario será de 25 persoas. En caso de haber máis inscricións que prazas, crearase unha lista de agarda. Respectarase a orde de inscrición.

A hora límite de inscrición será o mesmo día de realización da ruta ás 14:00 horas.

 

 

Tipo de evento: Andaina
Dirixido a: Cidadania