Novas

A prevención, capítulo importante no Plan Estratéxico Galicia 2015/20

Volver
Actualizado o: 18/04/2016 17:04

A Xunta de Galicia remitiu ao Parlamento o Plan Estratéxico 2015-2020. Inclúe un capítulo coa pretensión de aumentar o orzamento do Sergas ata os 4.000 millóns de euros e que o 75% dos galegos faga exercicio.

Para conseguir ese obxectivo, a administración de Feijoó compromete unha batería de medidas: estimular a práctica de exercicio a través de diversas campañas de concienciación cidadá, construír novas infraestruturas deportivas e mellorar outras existentes, e incrementar os convenios, axudas e patrocinios con entidades do sector, así como ampliar os programas de fomento da vida saudable nos colexios, de modo que dentro dun lustro ascendan a 132.000 os escolares inscritos neles, 22.000 máis que no 2014. Tamén nesas datas, confía en que os deportistas federados pasen lixeiramente os 300.000, un 20% máis que en 2015, e que o grupo de nenos/as con sobrepeso, no 2013 situado no 33%, caia por debaixo do 30%.

Medidas preventivas á marxe, o plan estratéxico contén decenas de actuacións para "profundar na eficiencia" do Servizo Galego de Saúde (Sergas) e xestionar os seus recursos "de forma responsable". Por exemplo, a Xunta márcase aí o reto de que no 2020 case a metade dos medicamentos cofinanciados polo erario (un 45%) sexan xenéricos, fronte ao 11% rexistrado no 2009 e o 41,7% medido no 2014. Igualmente, fíxase a meta de subir do 67,2 ao 74% o volume de omeprazol prescrito dentro do conxunto dos inhibidores da bomba de protóns. Non se trata este último dun desexo baladí, pois o citado principio activo, de acordo con estudos clínicos oficiais, vale no mercado entre cinco e dez veces menos que os restantes da mesma rama (pantoprazol, lansoprazol, esomeprazol...), todos eles protectores gástricos moi consumidos polos pacientes.

Igualmente, o Sergas quere que cara a finais de década os seus médicos despachen por teléfono un 50% máis de consultas que nestes momentos; ou sexa, o 15% das globais, aproximadamente dous millóns cada 12 meses. Pretende así mesmo estender entre os facultativos o emprego das tecnoloxías tanto para aforrar como para axilizar e afinar nos diagnósticos.

Todas esas políticas permitirán ás arcas públicas eliminar desembolsos non desexados, pero non frear o repunte do gasto asociado ao Sergas e os seus servizos. De feito, de acordo coa folla de ruta do Executivo para o próximo quinquenio, a sanidade autonómica consumirá no 2020 ata 3.982 millóns, un 42,3% do orzamento non financeiro da Xunta, que por aquel entón alcanzará os 9.403 millóns, 599 máis que no 2016. É dicir, en termos brutos, o investimento da Xunta en hospitais, centros de saúde e similares subirá un 12,3% en catro anos.

O Plan Estratéxico Galicia 2015-2020 presta especial atención á sanidade, ao crecemento sustentable, á innovación e á dinamización demográfica, pero inclúe tamén centos de medidas para mellorar o benestar dos cidadáns ao longo do próximo lustro. Así, cifra en 636.883 as persoas que se atopan en risco de pobreza ou de exclusión social e fíxase a meta de que abandonen dita situación entre 90.000 e 100.000 ao longo do próximos cinco anos, fundamentalmente, grazas á mellora do mercado laboral.

No ámbito da protección dos máis desfavorecidos, reserva un papel especial tamén ao voluntariado, con liñas de actuación tendentes a incrementar tanto as entidades que operan nese campo, de 869 a 1.000, como o volume de galegos que consagran aos demais parte do seu tempo de maneira altruísta, de 38.887 a 40.000.

Este plan contén tamén medidas que perseguen "avanzar no empoderamento dos pacientes" e elevar a porcentaxe de cidadáns que pensan que o sistema sanitario funciona ben ou moi ben, de acordo co barómetro oficial. Este último atópase actualmente no 26,9% e a Xunta quere que dentro de cinco anos alcance o 28%. Nese mesmo espazo de tempo, o Sergas pretende que as especialidades e centros de primaria que utilizan os sistemas de telemedicina pasen do 38 ao 40% e que o tempo medio de espera por unha consulta co especialista descenda de 49,9 a menos de 45 días.

Para acceder ao Plan Extratéxico, pique aquí.

Ligazóns relacionadas