Plan director

PLAN GALEGO PARA O FOMENTO DA ACTIVIDADE FÍSICA GALICIA SAUDABLE, Alianza estratéxica horizonte 2020. Aprobado polo Parlamento Galego o 27 de decembro de 2011.

Plan director
Súmate a Galicia Saudable
Plan director
Súmate a Galicia Saudable

Visión e misión de Galicia Saudable: un Plan de todos/as e para todos/as

Este Plan podería limitarse a recoller a clara evidencia científica sobre os prexuízos do sedentarismo e os beneficios da actividade física e, sobre a súa base e das recomendacións de diferentes organismos, dicir que é o que habería que facer e como facelo. Pero, de ser así, é probable que non tivese éxito, porque o Plan, ademais de achegar información e recomendacións, quere ser construído desde o consenso dos seus actores e das súas diferentes propostas e, para iso, converterase nun foro de reflexión e debate e nun espazo para a participación e a acción cooperativa. Un lugar onde todas as institucións, organizacións e persoas, reunidas ao redor dun obxectivo común, teñan o seu xusto protagonismo, poidan colaborar e achegar propostas e traballo e poidan obter beneficios.

Os promotores iniciais do Plan entenderon que non existía a intervención, acción ou solución universal que o cambiase todo de súpeto e resolvese o problema; pero si sabían que unha vez identificado o obxectivo común, a suma das decisións políticas importantes e de moitos pequenos cambios ao longo do tempo axudarían a configurar unha nova e máis prometedora realidade.

Para a redacción do Plan conformáronse varios grupos de traballo, entre os que se constituíu un Comité de Persoas Expertas (en diferentes ámbitos de actuación e representativos da sociedade galega), que recibiu do Presidente da Xunta de Galicia a encomenda, entre outras, de estudar e valorar o documento preliminar. Tamén se constituíu a Comisión Interdepartamental na que están representados todos os departamentos da Xunta de Galicia que poden ter algunha vinculación coa saúde, a educación, o deporte, o traballo, o urbanismo, o transporte, a comunicación e calquera tipo de actividade física da cidadanía. Todos os membros da Comisión recibiron o documento preliminar e propúxoselles que, ademais da súa revisión, achegasen información sobre o que se fixo ou se estaba facendo nos seus respectivos departamentos para fomentar a actividade física.

Finalmente, e previo paso polo Parlamento, onde foi aprobado na mesa V de Sanidade, o 27 de decembro do 2011, o Plan Director foi enviado a diversos actores sociais e institucionais, para que puidesen achegar suxestións, críticas e melloras ao Plan.   

A VISIÓN do Plan Galicia Saudable cando culmine o seu percorrido é a dunha cidadanía galega que maioritariamente, e de forma libre e ben informada, elixise e goce dunha práctica habitual de actividade física saudable, suficiente para conservar a súa saúde e reducir os efectos prexudiciais do sedentarismo.

A MISIÓN do Plan Galicia Saudable é, por tanto, “construír un futuro onde a práctica de actividade física saudable, en igualdade de oportunidades para toda a poboación, contribúa a conservar a súa saúde e a súa autonomía persoal, gozar de maior benestar e calidade de vida, e previr e reducir a presenza de enfermidades crónicas non transmisibles relacionadas coa inactividade física”.

Descarga ligazóns que seguen o Resumo Executivo do Plan Galicia Saudable (en galego, español ou inglés) e, se o consideras necesario, fainos chegar as túas suxestións e achegas. SÚMATE A GALICIA SAUDABLE.

Actualizado o: 09/09/2015