Que é?

O Plan Galego para o Fomento da Actividade Física Galicia Saudable é unha iniciativa do Goberno autonómico, liderada polo Presidente da Xunta de Galicia, que se articula e impulsa a través da Secretaría Xeral para ou Deporte e a Fundación Deporte Galego, como oficina técnica do Plan. Este Plan nace para facer fronte a un dos grandes desafíos da saúde pública de comezos do século XXI: o aumento das mortes, enfermidades e discapacidades provocadas polo sedentarismo e a práctica insuficiente de actividade física.

Que é?
Actividade física para a saúde, desde a infancia ata a vellez
Temos unha meta e é chegar a dicir: “Todos somos Galicia Saudable”

O Plan Galicia Saudable ten como obxectivo prioritario crear as condicións para que a poboación galega goce dunha vida máis activa, que permita conservar a saúde e a autonomía persoal, gozar de maior benestar e calidade de vida, e previr e reducir a presenza de enfermidades relacionadas co sedentarismo, desde a infancia ata a vellez.

Para que este Plan provoque cambios importantes e duradeiros na vida dos galegos e as galegas, é imprescindible contar coa participación dos diferentes actores sociais con capacidade de influír sobre as causas destas enfermidades. Por iso, aínda que a Xunta de Galicia asume o liderado e a tarefa de coordinación, preténdese construír unha alianza estratéxica con aqueles actores institucionais e comunitarios con maior chegada á cidadanía. Concellos, deputacións, centros educativos, asociacións, empresas, clubs deportivos, medios de comunicación, AMPAS, centros de maiores, etc, todos teñen o seu parte activa en Galicia Saudable, para conseguir os cambios na contorna física e nos estilos de vida que supoñan unha mellora na saúde de todos.

Galicia Saudable é, ademais, un plan vivo, que se constrúe día a día coas suxestións, propostas e demandas de todos. Por esta razón, animámosvos a participar a través das canles establecidas nesta páxina web ou a contactar connosco cando o estimedes necesario. Os vosos comentarios, suxestións e experiencias serán de moita utilidade para avanzar no noso obxectivo de desenvolver unha nova cultura de actividade física para a saúde entre os galegos e as galegas.

Actualizado o: 09/09/2015