Novas
Camiño ao Gaiás 2016
Volver7, 14, 21 e 28 de xullo; 4, 11, 18 e 25 de agosto; e 1 e 8 de setembro.
Despois de varias edicións desta actividade de verán, nesta ocasión farase unha variación no final e no comezo do percorrido con respecto ao ano pasado co obxectivo de motivar a aqueles composteláns que xa fixeron o programa de Camiño ao Gaiás e que se animen a repetir. Con este programa intentaremos achegar a Cidade da Cultura a toda a sociedade compostelá e a todos aqueles visitantes que durante os meses do verán estean por Santiago. É unha boa ferramenta para fomentar e promocionar o Monte Gaiás e as exposicións, e tamén un estilo de vida saudable a través da actividade física que se realiza no roteiro que se plantexa.
O Roteiro comeza diante da Oficina de Turismo de Santiago, na rúa do Vilar. De ahí pásase á rúa Nova e ao chegar á altura da igrexa de Santa María de Salomé, o grupo desviarase ata a rúa da Caldereiría para acadar a facultade de Xeografía e Historia. Collendo a rúa das Ameas chégase ao Mercado de Abastos para logo baixar á rúa da Virxe da Cerca. Súbese despois pola rúa de San Pedro ata chegar á súa igrexa e dende aí báixase ao parque de Belvís. Tras percorrelo, e logo de coller a rúa do Olvido e a de Sar, chégase á colexiata de Santa María. Só resta acadar a rúa de Diego Bernal para entrar no Bosque de Galicia a través do cal acadaremos a Cidade da Cultura.
O percorrido será de 5 km, aproximadamente.
Os inscritos terán a ocasión de facer unha visita guiada á exposición “Con-Fío en Galicia”, no Museo Centro Gaiás. As persoas usuarias de Camiño ao Gaiás regresarán de maneira individual cara Compostela para que dispoñan de tempo para visitar a Cidade da Cultura, descansar, ou tomar algo na Cantina.
Horario
A hora de inicio da actividade será ás 16:45 horas. A hora de chegada prevista á Cidade da Cultura é ás 18:20 horas.
Fin da actividade ás 19:30 h. aproximadamente ao rematar a visita á exposición.
Datas de realización
A actividade terá lugar os seguintes xoves dos meses de xullo, agosto e setembro:
- Xullo: 7, 14, 21 e 28
- Agosto: 4, 11, 18, 25
- Setembro: 1, 8
Inscrición
Pode inscribirse nesta ligazón calquera persoa que o desexe. Os/as menores de idade deberán ir acompañados dun titor/a que igualmente debe inscribirse para a realización da actividade. A actividade non está recomendada para rapaces menores de 10 anos.
A cota máxima de persoas por itinerario será de 25 persoas. En caso de haber máis inscricións que prazas, crearase unha lista de agarda. Respectarase a orde de inscrición.
A hora límite de inscrición será o mesmo día de realización da ruta ás 14:00 horas.